Os medios destacan a colaboración de Calzados Losal coa Escola de Deseño de Ferrol.

A Escola Universitaria de Deseño Industrial de Ferrol decidiu introducir este curso unha nova materia que ten que ver coa moda. Quere que os estudantes se metan neste mundo e fagan propostas dentro do téxtil, os complementos e o calzado. Para este último aspecto, que á vez será o primeiro que abordarán ó longo dos próximos meses, contaron con firma Calzados Losal de Monforte de Lemos, dedicada, dende hai máis de 100 anos, á confección de zapatos e botas.

O seu xerente, Gonzalo López Otero, desprazouse ata Ferrol para impartir un seminario ó centenar de alumnos que están en terceiro curso deste grao formativo.

López Otero falou sobre a industria do calzado nun mundo globalizado, pero sobre todo fixo referencia á fabricación artesanal, selo de identidade da súa marca, ó proceso que se segue dende a elección dunha horma, pasando polo deseño, ata o acabado.

A idea é que os estudantes, divididos en grupos de entre catro e seis persoas, desenvolvan durante este curso propostas viables. Desprazaranse ata Monforte de Lemos para coñecer de primeira man todo o proceso de fabricación e, á vez, para pedir consello a Gonzalo López Otero sobre as súas ideas.

Aquelas que a final de curso sexan consideradas máis interesantes serán fabricadas na factoría da cidade do Cabe para ver o resultado, para ter o zapato, de home ou muller, deseñado polos estudantes na man e non só unha recreación en tres dimensións dentro dun ordenador.

O xerente da firma Losal atópase moi ilusionado con esta proposta, pois pensa que dela pode saír “cousas moi interesantes, mesmo algunha que nos chegue a sorprender”. Así mesmo, sinalou que o deseño de calzado de moda é “un mundo cunha gran saída laboral, polo que animei ós estudantes a que se involucren nesta materia que comezou a impartirse na súa escola”.

Dende o centro, sinalaron que se trata “dunha gran oportunidade para acceder ó fascinante mundo da moda a través do calzado, dun dos elementos máis complexos, distintivos e decisivos en todo tipo de estilo da moda de calquera época”. Así o cre o director da Escola de Deseño de Ferrol, José Ramón Méndez, que optou por Losal como referente na elaboración de zapatos artesanais.

0
    0
    Tu carrito
    Su carrito está vacíoVolver a la tienda