Alumnos de terceiro curso de Deseño Industrial presentaron onte en Esteiro modelos de zapatos inspirados na marca galega Losal, a mesma que calza a Nicolas Sarkozy

«Eu sempre comparo o calzado cos cimentos dunha casa: se non son bos, todo o demais vai resentir, porque a base sempre é o máis importante». A frase saía onte de boca do empresario e deseñador Gonzalo López Otero, responsable de Losal, unha prestixiosa marca monfortina fundada en 1.899 e que pode presumir de contar con clientes tan selectos como Nicolas Sarkozy. López visitou onte a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) de Ferrol para pasar revista ós modelos de zapatos que, inspirados na filosofía e estética da súa firma, tiveron que idear os alumnos de terceiro curso, dentro da materia Proxectos III.

«Trátase dunha colaboración eminentemente académica, pero que abre a porta a que os alumnos poidan facer prácticas na nosa empresa no futuro … ¿E quen sabe? Ata é posible que algún día podamos chegar a comercializar algún dos modelos presentados por estes novos talentos. ¡Unha alumna deseñou unhas sandalias que me encantaron!», comentaba riseiro López antes de deterse, unha por unha, en cada unha das propostas ideadas polos estudantes.

Tras selar acordos de colaboración con firmas punteiras do sector da automoción, a cerámica ou o moble kit -como Seat, Sargadelos ou Finsa-, esta nova alianza da EUDI con Losal fixo que os alumnos do centro puidéronse enfrontar, por vez primeira, ó reto de deseñar zapatos coma se formasen parte do persoal da marca monfortina. «Antes de poñernos mans á obra, tivemos que estudar a fondo as características de Losal, para poder axustar as nosas propostas ó perfil da empresa», explicaba o alumno Javier Vázquez pouco antes de defender ante Gonzalo López as súas creacións, entre as cales había unhas deportivas de estilo futurista e uns zapatos «blucher» en tons verdes pensados para a tribo hípster.

 

Consellos podolóxicos
Ademais, os estudantes tamén recibiron consellos de catro profesoras de Podoloxía e do Grupo de Polímeros da Politécnica para idear zapatos con deseños e materiais que resultasen cómodos para os pés. «Neste traballo démoslles moita liberdade creativa, pero no que respecta ós procesos técnicos fomos moi estritos», destacaba onte o director da EUDI sobre o reto académico.

Parece que estes mozos veñen pisando forte. Que treman Manolo Blahnik e Christian Louboutin.

 

 

NOTICIA COMPLETA: aquí

0
    0
    Tu carrito
    Su carrito está vacíoVolver a la tienda