
Unha fábrica de zapatos de Monforte de Lemos ponse a facer 3.000 máscaras.
[su_carousel source=”media: 19804,19807,19810″ link=”lightbox” height=”100″ title=”no” arrows=”no” mousewheel=”no” autoplay=”0″]
[su_carousel source=”media: 19813,19798″ link=”lightbox” height=”100″ title=”no” arrows=”no” mousewheel=”no” autoplay=”0″]
Unha fábrica de zapatos de Monforte de Lemos confeccionará unhas 3.000 máscaras nos próximos días e entregarallas ó Concello de Monforte de Lemos para que sexan repartidas entre o persoal de servizos públicos e demais colectivos que as poidan necesitar.
As instalacións de Calzados Losal estaban paradas dende que o luns 25 o Goberno de España decidiu endurecer o Estado de Alarma e deter tamén a actividade industrial non imprescindible. Este luns volveron a abrir, pero só cunha pequena cantidade de persoal voluntario e coa actividade centrada unicamente na produción destas máscaras.
Esta empresa monfortina solicitou a tea para facer as máscaras ó centro tecnolóxico de calzado INESCOP. Esta entidade, con sede en Elda (Alacante), que ofrece asesoramento técnico a trescentas empresas do sector, adquiriu, despois de que estalase esta crise, gran cantidade de tea para máscaras para ofrecerlla ás firmas asociadas que quixesen re enfocar a súa actividade á produción deste equipamento de protección, ante a dificultade das fábricas chinesas para facer fronte á avalancha de pedidos que están a recibir de todo o mundo.
INESCOP foi entregando case toda a súa tea para máscaras ós grandes fabricantes españois de calzado, radicados na súa maior parte en Elxe e na localidade rioxana de Arnedo. As empresas pequenas como Calzados Losal recibiron lotes máis pequenos.
O rolo de tea que chegou este luns a Monforte de Lemos da para entre 2.500 e 3.000 máscaras. No se trata dos protectores con filtro nivel 2 e 3 que necesita o persoal dos hospitais, senón de máscaras similares ás que se usan habitualmente en cirurxía. Cada máscara leva varias capas da tea que se utiliza habitualmente neste tipo de pezas protectoras, pero non dispoñen de filtros como as que reclama o persoal sanitario.
Os responsables de Calzados Losal puxéronse en contacto co Hospital Comarcal de Monforte de Lemos en canto tiveron confirmación de INESCOP de que recibirían a tea, pero cando neste centro sanitario explicáronlles que eles necesitan as outras máscaras, decidiron ofrecerllas ó Concello de Monforte de Lemos.
Finalmente, as máscaras que fabrique Calzados Losal repartiraas ó Concello de Monforte de Lemos onde os responsables municipais consideren que fan máis falta.
Na fábrica de Calzados Losal traballaban onte cinco persoas, incluídas os propietarios, Gonzalo López pai e o seu fillo, do mesmo nome.
Todos o fan de forma voluntaria e desinteresada. Non poden ser moitos máis porque para confeccionar as máscaras utilízanse case en exclusiva ferramentas situadas na zona de corte da fábrica.
Todos levan máscaras e luvas, pero non poden traballar á vez máis que catro ou cinco persoas porque o espazo é reducido.
Os responsables da empresa teñen xa ofrecemento de veciños dispostos a colaborar con eles nos pasos da elaboración das máscaras que non requiran formación técnica.
«Para o corte da tea e o cosido hai que saber usar a maquinaria, pero hai dous pasos máis, a colocación das pezas metálicas que permiten axustar a máscara ó nariz e o remate final co corte dos fíos que sobresaen, que pode facer practicamente calquera», explica Gonzalo fillo.
Nin a empresa nin ningún dos voluntarios que estes días pasarán pola fábrica cobrarán nada por este traballo.
«Tiñamos as instalacións paradas e temos xente e material para facelo, así que decidimos poñer o noso gran de area para axudar a superar esta situación tan complicada».
NOTICIAS COMPLETAS: