A industria do calzado de Monforte ten asegurado o relevo xeracional

A industria do calzado de Monforte, con dúas empresas relevantes a nivel internacional como son Industrias Losal e Curtidos Galaicos, ten o relevo xeracional asegurado. Iso é posible grazas a un ciclo de Formación Profesional (FP) Dual que comezou o pasado ano a impartirse no instituto de ensino secundario A Pinguela. Foron doce os alumnos que comezaron e sete os que este curso rematarán os ensinos.

Os industriais da cidade do Cabe encomiaron a iniciativa de A Pinguela e o apoio da Consellería de Educación para poñer en marcha un ensino que servirá, destacaron, “para cubrir o déficit de profesionais que padeciamos”.

Pola súa banda, o director de A Pinguela Enrique Sampil, á vez que destacou a súa satisfacción pola aposta por un módulo dual de calzado, lamentou que a pandemia impedise que algúns estudantes deixasen atrás os estudos e que outras empresas participantes no proxecto, todas doutras partes de Galicia, fosen incapaces de acoller ós alumnos para que realizasen as súas prácticas. “Só as dúas monfortinas seguiron traballando a pesar da crise, polo que non tiveron problema algún en que os estudantes fixesen prácticas nas súas instalacións”.

Todos eles, como destacou Gonzalo López Otero, de Calzados Losal, e Enrique Sampil, de A Pinguela, teñen asegurado un posto de traballo cando, no mes de setembro deste ano, finalice o curso académico.

Sampil engadiu que para ofrecer esta nova formación profesional contaron tanto co apoio da industria do calzado de Galicia como co respaldo das consellerías de Educación e Industria.

Ó mesmo destacou o feito de que a aposta “non foi nin moito menos arriscada atendendo ó número de solicitudes presentadas para esta FP, que garante, despois dos dous anos formativos contemplados no proxecto curricular, dispoñer dun posto de traballo en canto dispóñase do título”, subliñou.

 

Industrias Losal acolleu un curso para trece profesores
Losal, dentro do programa de FP dual implementado pola Xunta, acolleu un curso sobre o uso de materiais, deseño e manexo de peles de diferentes tipos. O encargado de dar as clases a un total de trece docentes de diferentes centros educativos de Galicia foi Gonzalo López Otero, quen se mostrou encantado con esta iniciativa, “pois, ademais de coñecer o corte, o cosido e o acabado dun zapato, palparon o funcionamento real do traballo diario da nosa empresa”.

Pouco a pouco
Gonzalo López indicou que estes profesores de téxtil de FP “entenderon que o traballo é complicado e que a xente que chegaba á nosa factoría facíao con cero coñecementos sobre o mundo do calzado. Na nosa empresa aprendían ós poucos como manexarse no traballo, pero o ciclo de A Pinguela abre un mundo de oportunidades e espero que tamén sirva para que se abran novas oportunidades tanto na formación como no mundo laboral”.

 

NOTICIA COMPLETA: aquí

0
    0
    Tu carrito
    Su carrito está vacíoVolver a la tienda