O calzado monfortino ábrese paso en Asia a través de Italia.

[su_carousel source=”media: 19761,19764,19770,19767,19773,19755″ link=”lightbox” height=”100″ items=”6″ title=”no” arrows=”no” mousewheel=”no” autoplay=”0″]

A empresa monfortina CALZADOS LOSAL aproveitou a súa presenza na feira internacional do calzado de Milán (MICAM89) para buscar novos mercados exteriores, seguindo a liña de incremento das exportacións que potenciou durante os últimos anos.

Segundo indica Gonzalo López, xerente da firma, durante a feira establecéronse contactos con empresas de Xapón, China e Singapur, e tamén con algunhas de Europa central; que se interesaron en adquirir os produtos elaborados na fábrica de Monforte de Lemos.

“Trátase de países de potencial económico medio e alto onde hai moitos clientes atraídos polos zapatos de tipo exclusivo”, explica.

A firma considera moi satisfactorio o resultado da súa presenza na feira milanesa, á que acudiu por cuarta vez consecutiva cun posto propio. Nunha edición anterior estivo a compartir espazo con outra empresa.

“Estamos moi contentos da resposta que tivemos, aínda que este ano a feira sufriu un baixón moi forte en canto a expositores e público, seguramente por mor da epidemia do Coronavirus”, di López.

Nesta ocasión, a firma levou á feira de Milán unha colección de cen modelos de zapatos, dos que oitenta eran de cabaleiro e vinte de muller. Todo este calzado está elaborado coa técnica GOODYEAR WELTED, o que supón unha importante novidade na súa oferta.

“O dobre cosido antes estaba considerado como algo máis propio de homes, pero observamos que agora hai tamén moito interese por este produto entre as mulleres”, di Gonzalo López a este respecto. “Antes facíamos moi pouco calzado feminino de dobre cosido, só un par de modelos, pero decidimos apostar forte por el e a resposta está a ser excelente”, agrega.

Tras o seu paso pola feira italiana, a empresa calcula que este ano as exportacións ó estranxeiro poden subir ata o 12% da súa produción total. O ano pasado esta cifra foi del 9,6% e no 2018 era do 7%.

Na feira do calzado de Milán, segundo apuntan os responsables da empresa Calzados Losal, chamaron especialmente a atención os zapatos elaborados coa técnica denominada PATINA.
Estes zapatos son tintados a man con pincel, o que lles confire un aspecto singular.

“Son moi rechamantes e totalmente diferentes de calquera outro tipo de calzado, e hai moi poucas empresas que os fabriquen porque o proceso é moi laborioso e complexo”, di Gonzalo López. “Na súa elaboración, só o tintado con pincel pode requirir unhas catro horas de traballo”, agrega.

Os responsables de Calzados Losal decidiron probar primeiramente con dous ou tres modelos deste tipo de calzado para ver que resposta tiña no mercado.

“Nos sitios onde os presentamos foron un éxito total, de maneira que decidimos seguir producíndoos e a Milán levamos unha decena de modelos que tiveron tamén un tirón moi grande”, comenta.

En toda España, segundo a firma monfortina, só hai actualmente unhas cinco empresas que utilicen a técnica PATINA, que é máis empregada en países como Italia e o Reino Unido.

“Son un novo paso na nosa aposta polos produtos exclusivos e de alta calidade, e entre outros motivos facémolo precisamente porque a maioría das empresas evitan meterse neste tipo de fabricación”, conclúe Gonzalo López.

NOTICIA COMPLETA: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2020/02/22/calzado-monfortino-abre-paso-asia-traves-italia/0003_202002M22C1995.htm

0
    0
    Tu carrito
    Su carrito está vacíoVolver a la tienda