
O calzado, nova liña de experimentación para os alumnos de Deseño Industrial de Ferrol.
[su_carousel source=”media: 9759,9756,9753,9750″ link=”lightbox” height=”200″ items=”4″ title=”no” arrows=”no” mousewheel=”no” autoplay=”0″]
As aulas e talleres da Escola Universitaria de Deseño Industrial da Universidade da Coruña convértense, curso tras curso, en auténticos laboratorios de enxeño e creatividade.
Tras selar acordos de colaboración con firmas punteiras da automoción e o moble, como é o caso de Seat ou Finsa, a Escola de Deseño Industrial conseguiu aliarse agora cunha das empresas máis emblemáticas do sector español do calzado artesanal. A firma galega Calzados Losal, unha marca monfortina fundada en 1.899, colaborará co centro universitario na formación dos alumnos. E estes, á súa vez, como un traballo práctico, deseñarán diferentes liñas de calzado inspiradas na filosofía da empresa. «O obxectivo é o de sempre: que os estudantes demostren todo o seu potencial creativo neses deseños, e, logo, se algún deles esperta o interese da firma, poderíanse fabricar prototipos ou mesmo estudar a posibilidade de comercializalos», explica o director da escola, José Ramón Méndez.
Os alumnos do centro do campus realizarán deseños de zapatos en colaboración con Calzados Losal, a firma de Monforte de Lemos.
Esta alianza entre o centro e Calzados Losal botou a andar o pasado día 22 de setembro coa celebración dun seminario dentro do proxecto “Novos conceptos de calzado da gama de produtos da empresa”; impartido polo director da firma monfortina, Gonzalo López Otero, quen explicou ós estudantes os métodos de produción da empresa, así como as diferentes gamas de calzado que fabrica ou os tipos de hormas coas que traballa na actualidade. Partindo de todo ese coñecemento, os alumnos, ó redor de 110, todos eles de terceiro curso, dividiranse agora en pequenos equipos de deseño, cada un deles composto por entre cinco e seis persoas, coa misión de realizar unha gama de calzado que encaixe cos acenos de identidade de Calzados Losal. «O abanico de posibilidades é enorme, porque esta marca ten unha gama de produtos moi ampla, que vai desde as botas de montaña ata mocasíns e botíns feitos a medida», advirte Méndez.
Seminario.
Baixo o título “O calzado e a moda. Deseño, materiais e procesos de realización”, o empresario achegou ó alumnado do curso ó deseño e fabricación de calzado artesanal de alta gama e calidade.
A cita supuxo, tal e como se informou dende o centro, “unha gran oportunidade para acceder ó fascinante mundo da moda a través do calzado, dun dos seus elementos máis complexos, distintivos e decisivos en todo tipo de look e estilo da moda en todas as épocas”.
Ademais de supoñer a apertura dunha nova liña de experimentación para os alumnos, o proxecto coa firma Calzados Losal inclúe tamén outra novidade, que é a implicación no mesmo do Grao de Podoloxía da Facultade ferrolá.
Isto permitirá incluír no proceso creativo dos estudantes os aspectos relacionados coa saúde do pé, un tema capital na fabricación de calzado. A vicedecana, Fátima Santalla, e a responsable do título de Podoloxía, Carolina Rosende, que onte participaron no seminario, encargaranse de impartir, máis adiante, un seminario que axudará ós alumnos á hora de dar con deseños que non causen molestias nin lesións no pé. “É unha interacción moi positiva”, comentou Méndez.
Os alumnos, que terán que facer a súa propia proposta de calzado artesanal e de calidade, desenvolverán o proxecto en dúas fases, contemplándose incluso a posibilidade de que poidan chegar a elaborar prototipos.
Para empezar a inspirarse, onte puideron contemplar os máis de medio centenar de pares de zapatos que o responsable da firma galega levou á escola para impartir o seminario.
Méndez indicou que esta nova colaboración con Calzados Losal resulta crucial, sobre todo agora que xa falta pouco para a implantación do novo Máster de Deseño Industrial e Deseño de Produto no curso 2018-2019. «Unha das especialidades deste novo título serán os complementos de moda, de aí a importancia de ir creando novas liñas de colaboración con empresas do sector, como é o caso de Calzados Losal», subliña o profesor e director da escola.